O Grupo Cavila non ten máis que agradecer as xentes de Monfero o seu achegamento, a Camino, a súa dilixencia e tesón, así como a apertura absoluta ao centro educativo para ter realizado esta actividade tan necesaria na escola que queremos.

Como colofón deste VIII Seminario Obradoiro de materiais didácticos, presentamos as conclusións do seminario que xirou arredor das ONGs e dos mundos que se esconden detrás de cada unha das comunidades que participan desde un ou outro lado da nosa realidade.

Neste sentido, nesta parte do seminario, tratábase de dar voz aos asistentes para que nos manifestaran as súas reflexións arredor de cada un dos obradoiros aos que asistiran, cunha dobre intencionalidade:

a) Ter unha idea do que se realizou en cada obradoiro, xa que os asistentes só podían elexir dous dos posibles;

b) Coñecer as ideas máis relevantes tratadas en cada un.

Neste sentido, os asistentes fixeron estes comentarios. No apartado «máis» podes ver un resumo máis detallado dos obradoiros e fotografías»:

  • Obradoiro sobre os materiais das ONGs, de Marta Esplugues: os materiais específicos das ONGs poden e deben ser traballados nas aulas en paralelo con outros e, neste sentido, os docentes deben telos en conta, así como estas realidades a traballar, aspecto que curricularmente encaixa con acerto en moitas materias, facendo ao alumnado persoas máis conscientes de que asistimos á necesidade de ser máis colaborativos e cooperativos para chegar a un mundo un pouco máis sostible. Máis…
  • Obradoiro sobre os videoxogos, de Silvia López e Sandra Dorado: os xogos serios poden supoñer un interesante recurso para achegarnos a outras realidades, neste sentido, por exemplo, pode realizarse nas aulas desde unha análise sobre o tipo de traballo nunha grande compañía alimentaria e as consecuencias ou aspectos morais que poden estar detrás de determinato tipo de competitividade, ata analizar un recurso creado para comprender o sufrimento de pequenas comunidades ameazadas nalgúns países africanos polas milicias, ou mesmo sobre a subsistencia en campos de refuxiados. Neste obradoiro, tamén tivemos a ocasión de analizar material relacionado co coidado do medioambiente, como Climántica, ou o achegamento á realidade de alumnado con necesidades específicas de atención educativa, como pode ser o síndrome asperger. Finalmente, a través dunha guía se nos permite analizar algún ítems facéndonos conscientes do que supón a utilización destes recursos e as súas posibilidades. Máis…
  • Obradoiro sobre os materiais didácticos para a escola e a comunidade elaborados dende o contexto local, de Denévola Álvarez: a presentación da cantidade e variedade de recursos que os concellos e as fundacións producen para a comunidade educativa con carácter divulgativo supón un recurso de calidade moi concreto para a contextualización do currículo escolar. Neste caso, Denévola, propón a súa análise e utilización nas escolas como xeito de obter material de calidade moi achegado ás realidades do alumnado, onde o profesorado pode aproveitar as súas virtudes para diversas materiais como ciencias naturais, sociais, ou mesmo as matemáticas, así como traballar determinados temas relacionados coa historia local, a conservación do medioambiente, a creación de entornos saudables, etc. Máis…
  • Obradoiro O espello roto que fire a un pobo, de Santiago Quiroga e Fernando Martínez: neste obradoiro amosaron a outra cara dos libros de texto e o que ocultan os textos detrás da aparente bondade das súas verbas, poñendo de manifesto que non son casuais determinados adxectivos que definen o aos pobos no rural como “comunidades atrasadas”, ou a determinación non casual do progreso como única alternativa á conservación do medioambiente, por exemplo. Ademais, trataron a temática da desertización dos pobos a través dos libros de texto, con mensaxes peiorativas que os nenos e nenas reciben desde moi cativas e cativos nas escolas, a través dos “inocentes” libros de texto, que claramente teñen a intencionalide de transmitir unha determinada doctrina. Máis…
  • Obradoiro Imaxes e textos sobre os indíxenas en materiais didácticos do Brasil: unha avaliación, de Giovani José da Silva: o obradoiro xirou a redor dos materiais didácticos que se utilizan en todo o Brasil nas escolas estatais e nas pequenas escolas que están nas máis de 180 comunidades indíxenas que están espalladas por este país. Giovani parte da utilidade de aprender a ler e escribir que ten para estas comunidades, para que deixen de ser expoliadas e cheguen a ser quen de defenderse a sí mesmas. Neste sentido, manifesta que os libros de texto do estado non representan aos pobos indíxenas, que, polo xeral,  non están presentes na actualidade dos libros de texto mencionados e/ou do único modo en que aparecen é de maneura fragmentaria e cun carácter antropocéntrico europeo que realiza unha destrucción sistemática da identidade de indíxena de cada pobo. Neste sentido, manifesta que a raíz dunha preocupación dos propios pobos indíxenas onde ten traballado como profesor, está na procura dun material alternativo que achegue a lectura ao mundo dos indíxenas partindo da súa propia realidade e contexto, e neste sentido, tendo en conta tamén a lingua local. Máis…

Para rematar, só cabe dicir que, no mundo dos materiais debemos ter moi presente, que valoramos, quen valora a importancia do material, a quen se dirixen eses materiais e/ou con que intención… Pois queda claro que a inocencia nos textos e imaxes dos recursos que utilizamos nas aulas non é tal e a neutralidade non existe. Por tanto, debemos ser nós, as/os docentes os que comprendamos a nosa importancia e comecemos a valorar realmente o que os materiais que eleximos supoñen, posto que marcan a nosa realidade. Estes materiais teñen servido de diversa maneira, poden ser aliados dunha educación na colaboración e a coopetación ou poden servir de propaganda, sinónimo de captación externa das grandes compañías como único motor económico do progreso, etc… No mundo das ONGs, debemos coidar a imaxe que se ofrece daqueles aos que podemos prestar axuda. Ademais, esta colaboración e os seus materiais poden ser parte da realidade que queremos transmitir ou a colaboración que no futuro queiramos dar, coa idea de evitar que se reproduzan determinadas inxustizas, tal e como acontece neste centro educativo no que estivemos.

Os recursos elaborados deben ser analizados, en pro de comprender que realidade é a que transmiten e pretenden que se reproduza a través da escola. Moitos materiais fan do mestre un mero instructor, alguén limitado a comprobar que o alumnado cumprimenta ocos, sen pensamento crítico nin máis intencionalidade, pretendendo que deixe de ser mestre, en aras a vixiar a normalización dunha sociedade. De sorte que, pouco a pouco, desaparecen as diferencias que tan fermoso fan o mundo, como é a lingua, a identidade local ou mesmo as tradicións, etc.

Neste sentido, é precisa unha alternativa ao libro de texto, que pasa por reconsiderar a intelixencia docente, capaz de reconstruír ou mesmmo destruír o libro de texto habitual, para pedir algo diferente, outra cousa, unha performance concreta e de verdadeiro valor para a educación.